|
Inventario
e valoración do material moble atopado
O
conxunto de materiais mobles recuperados foi numeroso e variado,
tal como era de esperar nun contexto arqueolóxico de índole
habitacional e cun volume de escavación desta envergadura.
A nivel cuantitativo, abonde con dicir que o número total
de cerámicas atopadas foi nada menos que de 6239 fragmentos.
Este universo de recipientes cerámicos constitúe
lóxicamente o grupo maioritario, excluíndo, claro
está, o inxente conxunto de cerámica de construcción
(tégulas, ímbrices e ladrillos), grupo do que foron
analizadas e rexistradas un total de 1148 pezas. Os achados de
materiais doutro tipo foron menores pero sobradamente significativos:
244 fragmentos de recipientes ou pezas vítreas e 185 vestixios
de escorias ou pezas metálicas (entre elas 22 moedas, 5
obxectos broncíneos e 8 cravos férricos). A esto
habería que engadir algunhas pezas líticas (esencialmente
elementos de construcción) e, especialmente, un bó
conxunto de restos orgánicos, esencialmente de alimentación:
270 anacos de osos de animais, 42 de cunchas marítimas,
numerosos carbóns de madeira e algún vestixio paleobotánico
(pepitas e sementes).
Tamén apareceron abondosos materiais contemporáneos
(cerámica, vidro, plástico, metais e restos orgánicos)
asociados á ocupación da finca polos Mirambell ó
longo do s. XX. Destes materiais foi gardada e rexistrada unha
mostra suficientemente significativa.
A distribución dos materiais antigos polo conxunto do xacemento
responde lóxicamente ó tipo e entidade das zonas
descubertas na escavación (recheos, niveis de ocupación
ou derrubes; interiores ou exteriores, etc.) e tamén ó
seu nivel de conservación (desde total arrasamento ata
razonable preservación). En xeral, destacan dúas
áreas de concentración de materiais: as estancias
M, O e S –especialmente nos pavimentos/niveis de ocupación
do interior da estancia, relativamente ben conservados, e, en
menor medida, nos niveis de derrube/destrucción que se
extenden polo exterior sur– e o conxunto do pórtico,
neste caso normalmente en niveis de deposición secundaria
dada a intensa alteración da zona por mor das remocións
Mirambell. Os materiais son moito menos numerosos no interior
das estancias N, Ñ e Q –feito doadamente comprensible
tendo en conta o seu case total arrasamento– e mais no patio
E, zona claramente exterior e tamén afectada polas escavacións
Mirambell. Os exteriores leste e banda oriental do exterior sur,
xunto coas áreas escavadas ó oeste da villa, foron
os sectores de menor presencia de materiais, nalgúns casos
prácticamente inexistentes.
Actualmente se está procedendo á catalogación
e estudio detallado destes materiais, razón pola cal agora
soamente podemos achegar unha valoración xeral preliminar,
destacando aqueles máis salientables ou significativos.
Respecto á cerámica de construcción, xa dixemos
que durante a escavación se procedéu á análise
e rexistro informático de tódolos fragmentos aparecidos.
Os datos cuantitativos e cualitativos tomados en cadansúa
peza (pasta, forma e tamaño, entalles e rebordes, marcas
e dixitacións, etc.) permitirán en breve unha adecuada
catalogación, co establecemento de tipos e grupos productivos
precisos. De momento, destacaremos que foi definido un novo tipo
de ladrillo ou plaqueta cerámica rectangular e que, no
que atinxe ás tégulas, foron identificadas pegadas
animais (cánidos, felinos e ovicápridos) e varias
dixitacións alfabetiformes repetidas, susceptibles de determinar
ós operarios que as fabricaron.
Nos materiais líticos de construcción compre suliñar
dous linteis de porta e un fragmento de canalización, aparecidos
respectivamente en E9, D11 e E6 formando parte de niveis de derrube/destrucción.
Tendo en conta a proximidade e a coincidencia en medidas, o primeiro
lintel citado probablemente pertencéu á porta de
acceso ás termas. A canalización poñémola
en relación coa bañeira termal de K1, posiblemente
o seu desaugue. Tamén hai que destacar o achado de un par
de depósitos concentrados de teselas de mosaico. Apareceron
no nivel de destrucción das estancias M e O asociados a
pedras calcáreas, material de base para a fabricación
das teselas de cor branca e amarela.
No universo cerámico, lóxicamente a meirande parte
das pezas pertencen a vasillas de cerámica común
e producción local, normalmente de cociña e, en
menor medida, tamén de mesa. As formas, pastas e acabados
son as comúns no ámbito galaicorromano tardío:
olas e cuncas de cerámica negra, ocre e gris, pratos de
engobe vermello, ou xerras de perfil globular, entre elas un exemplar
prácticamente completo composto por mais de 51 fragmentos.
Outra peza especialmente salientable é un probable morteiro
con impermebealización vidrada no seu interior. As decoracións
son escasas, constatándose a presencia de retículas
brunidas, cordóns aplicados, liñas incisas e motivos
impresos (palmetas), estas últimas seguramente unha imitación
rexional das coñecidas cerámicas estampilladas paleocristianas.
A proporción de cerámicas importadas, tanto sexan
recipientes de transporte marítimo como vaixela fina de
mesa, é bastante limitada (ó redor de 100 fragmentos),
pero sen embargo resulta altamente significativa pola homoxeneidade
e boa representación de grupos productivos moi determinados
e concretos. As ánforas, por exemplo, son todas lusitanas
tardías, de contidos esencialmente salazoneiros. Do mesmo
xeito, prácticamente toda a vaixela fina de mesa é
terra sigillata norteafricana tardía (47 fragmentos), especialmente
do grupo productivo coñecido como clara D, fronte a unha
presencia case testemuñal (4 fragmentos) de terra sigillata
hispánica tardía. A colección de TSA inclúe
pezas ben conservadas, co perfil completo ou case completo, e
catro fragmentos presentan decoración, ben sexa aplicada
polo interior do borde (dous peixes e un león) ou ben impresa
(palmetas) no fondo do recipiente. Estas pezas con decoración
aplicada son especialmente selectas e exclusivas, moi pouco comúns
no ámbito do noroeste peninsular romano.
Mención á parte merece un tipo moi singular de cerámica,
xa coñecido por pezas procedentes da colección Mirambell
e as escavacións do 92-94, caracterizada por unha pasta
branca moi depurada sobre a que se pintan en vermello motivos
animais, concretamente un paspallás. A presente escavación
atopóu 6 novos fragmentos desta cerámica, descubríndose
que a decoración pintada é bastante mais complexa
do que se creía, con liñas e retículas xeométricas
que enmarcan abigarradas esceas polícromas con motivos
vexetais, animais (paspallás) e mitolóxicos (un
centauro). Tódolos fragmentos apareceron na mesma zona
(sector oeste do pórtico) e pertencen a unha mesma vasilla
de gran tamaño, probablemente unha crátera ou similar
de tipo ornamental colocada á entrada da villa. Se trata
ó parecer dunha peza única, sen paralelos coñecidos,
probablemente importada aínda que ignoremos polo de agora
o lugar de fabricación e procedencia.
Respecto ós vidros, a maioría pertencen a recipientes
de mesa tipo taza, cunca ou botella. As decoracións son
escasas, a excepción de asas molduradas e outros motivos
indeterminados en altorelevo. Tamén se recuperaron 3 pequenas
contas de colar feitas en pasta vítrea.
Os obxectos broncíneos ou férricos están
moi degradados e permanecen sen identificar. Non obstante, son
relativamente abundantes as escorias de ambos metais, indicativas
da existencia de traballos de forxa e metalurxia na propia villa.
Mención especial merece o importante conxunto de numerario
atopado. Tódalas moedas semellan ser pequenos bronces baixoimperiais,
tal como confirman os tres numismas mellor conservados e directamente
lexibles, dous de Constantino e o terceiro de Constantino II.
Por último, respecto á importante colección
de restos macrofaunísticos, se identifican nunha análise
moi superficial osos de bóvidos e de aves. Fronte a esta
relativa abundancia de animais terrestres sorprende a escasa representación
de restos malacolóxicos mariños, a maioría
bivalvos. Dúas cunchas presentan perforacións circulares
e foron utilizadas como colgantes. Entre os escasos restos macrobotánicos
atopados foi identificada unha landra. |