Universidade
de Vigo

 
MATERIAIS
DOCUMENTACIÓN
DOSSIER GRÁFICO
 
 
 
 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Localización, topografía e medio xeográfico

O xacemento arqueolóxico obxecto da intervención localízase na punta de Toralla, pequeno cabo costeiro situado fronte á illa homónima entre as praias do Vao e Canido. A paraxe tamén é coñecida co topónimo Vilamar e, especialmente, baixo a denominación popular “Finca Mirambell” derivada do nome da familia propietaria do terreo durante prácticamente todo o s. XX.
Administrativamente, o xacemento pertence á parroquia de S. Miguel de Oia, Concello de Vigo. Cartográficamente, localízase nas coordenadas UTM 517040-4671830, folla nº 223-III (Vigo), escala 1:25000, editada polo IGN.
A nivel topográfico, a finca se sitúa sobre un moi pequeno cabo costeiro correspondente a unha limitada afloración rochosa (cota máxima de 10 mts. s.n.m.) que sirve de separación entre as praias do Vao e Canido (cota media de 5 mts. s.n.m.) e delimita ún dos extremos dunha ampla depresión costeira (cota media de 4 mts. s.n.m.) por onde discurre a liña de auga denominada Rego do Vao ou Barxa do Vao e que ata hai poucos anos constituía unha extensa zona húmida doadamente inundable con terreos dedicados a xunqueira. O principal do xacemento ubícase na metade nororiental da finca, na suave ladeira orientada precisamente cara a depresión costeira a escasos metros do citado Rego do Vao.
A un nivel xeográfico máis amplo, este emprazamento inscríbese no litoral sur da Ría de Vigo, concretamente nas beiras marítimas do Val do Fragoso, val caracterizado precisamente pola súa ampla apertura cara ó mar.

Contexto arqueolóxico e histórico

O xacemento consiste nunha villa romana, esto é, unha casa de campo con funcións residenciais e productivas (explotación dos recursos primarios do campo e o mar). A cronoloxía preliminar é de época baixoimperial e tardorromana, ss. III-VI d.C.
Como tal asentamento romano, rural e marítimo, non é único en toda a banda sur da ría viguesa. Ó contrario, toda a franxa litoral desde Teis ata Baiona coñece en época romana unha intensa ocupación que, sen dúbida, debéu ser capitalizada polo importante aglomerado secundario –algo así como unha especie de vicecidade– existente baixo o actual Vigo (barrios do Areal e Casco Vello). Outros asentamentos similares a Toralla, ben sexan villae residenciais, factorías de salazóns ou pequenos aglomerados de ignorada índole, son relativamente comúns na liña costeira: de sur a norte, villa ou aglomerado de Panxón, villa de Sobreira-Oia, villa-factoría de O Cocho-Alcabre, factoría de Fiunchal-Alcabre, villa suburbana de M. Valterra cruce con J.Ramón Jiménez (Vigo) e hipotética villa de Ríos-Teis.
O xacemento, polo tanto, non é un unicum, pero sí o máis extensamente escavado e de mellor potencialidade investigadora e histórica de tódolos citados. Esto engádelle un importante valor como representación e paradigma da ocupación rural romana das costas viguesas.
A nivel microespacial, compre destacar a proximidade da villa de Toralla coa illa homónima, espacio no que se coñecen dous xacementos arqueolóxicos: un castro e unha necrópole.
O castro, localizado en 1913 no extremo suroeste da illa, foi parcialmente escavado en 1970 por Álvarez Blázquez con motivo da urbanización da zona e mais en 1990 por Hidalgo Cuñarro nun dos escasos solares que aínda quedaban por construir. En principio, se trata dun asentamento esencialmente prerromano (desde o s. IV a.C. ata o cambio de era), co cal non resulta directamente relacionable coa villa a nivel cronolóxico.
A necrópole, descuberta en 1913 na zona media da illa actualmente axardinada cun parque infantil, era de inhumación con sepulturas trapezoidais feitas de laxes, proporcionando algúns materiais –tégulas, ladrillos, fíbulas, cerámicas e un estilete de bronce– que indican a súa cronoloxía romana ou tardorromana. É probable, polo tanto, que sexa coetánea co xacemento da punta de Toralla, constituíndo quizais o cemiterio dos habitantes da villa.

Descubremento do xacemento e precedentes da investigación

A inícios do século XX, a punta de Toralla foi cedida ó empresario catalán D. Tomás Mirambell Maristany para a instalación dunha industria marítima, dando lugar á delimitación da finca –a partir de aquí coñecida como Vilamar ou Mirambell– e á edificación dunhas naves e máis dunha vivenda que xa estaban levantadas e en funcionamento en 1906. Quizais as obras de construcción xa produciron no seu momento algún achado arqueolóxico, malia que disto non existe información algunha.
O propietario, acompañado doutros persoeiros culturais do Vigo da época, escavóu contra finais dos anos 20 na metade NE da finca [Faro de Vigo, 13/2/1929 e 22/8/1930], dando lugar ó achado de diversas construccións soterradas que foron definidas como pertencentes a unha casa romana, con pavimento de lousas de granito baixo o que existía un sistema de calefacción [Rodríguez Elías 1949, 118]. Estas escavacións prolongáronse de xeito ocasional e inconexo durante os veráns das décadas seguintes, de modo tal que, co paso do tempo, deixaron ó descuberto unha parte importante do xacemento (edificio convencionalmente denominado “sector Mirambell”). Lóxicamente, as escavacións tamén forneceron un importante conxunto de restos mobles –entre eles un capitel, un entalle, vidros, cerámicas e moedas– que foron maioritariamente integrados na súa colección privada.
Breves noticias destes achados arqueolóxicos aparecen recollidas nalgunhas publicacións dos anos 70 [Rodríguez Seoane e Díaz Álvarez 1973, 61; Álvarez Blázquez e outros 1980, 41-42], pero non será ata 1982 cando se publique o primeiro traballo monográfico de presentación de estructuras e materiais [Hidalgo e Costas 1982], acompañado dun estudio das moedas da colección Mirambell [Juega Puig 1982]. Ata inícios dos 90, soamente aparecen publicados breves resumes destes datos arqueolóxicos [Hidalgo Cuñarro 1984 e 1986].

As investigacións recentes: prospección con sondaxes de 1992

En 1992, tras un longo pleito coa familia Mirambell por mor da concesión feita a inícios de século, o Concello de Vigo recupera a titularidade da finca e, baixo promoción da Concellería de Patrimonio Histórico, inícia toda unha serie de intervencións arqueolóxicas sobre o xacemento, esencialmente unha primeira campaña de sondaxes valorativas seguida de dúas campañas de escavación en área.
A prospección con sondaxes foi executada durante mes e medio do verán de 1992 baixo a dirección de J.M. Hidalgo Cuñarro. Consistíu en 67 catas de 2x2 mts. aleatoriamente repartidas por toda a finca (a excepción das zonas edificadas ou que presentaban rocha á vista) co obxectivo de localizar e delimitar o xacemento e mais coñecer a composición estratigráfica da zona.
Ambas pretensións foron satisfactoriamente atinxidas. Aproximadamente unha decena de sondaxes son positivas en canto a localización de estructuras, delimitándose así un novo edificio aparentemente cuadrangular ó SW do “sector Mirambell” (denominado daquela edificio 2) e máis indicios doutra construcción ó S do mesmo (edificio 3). O resto das sondaxes son negativas no que respecta a estructuras, pero non así en materiais, determinándose en consecuencia varias zonas de probable ocupación con base na presencia de materiais rodados ou aristados, ben sexa ó sur da casa Vilamar o nas beiras dos edificios arqueolóxicos xa detectados.
Tódalas sondaxes permiten, por outra parte, coñecer coa suficiente precisión a estratigrafía da finca, identificándose a nivel xeral dous niveis de duna –recente e antiga– que cubren os niveis arqueolóxicos –abandono e funcionamento– ou ben o antigo paleosolo da zona, antes de chegar ó substrato de base, normalmente a propia rocha. Independentemente do éxito particular de cada sondaxe, todos eles en conxunto supoñen unha excelente ferramenta para a programación das posteriores campañas de escavación en área e tamén como instrumento valorativo para futuras intervencións na finca.
Os resultados destas sondaxes, incluíndo un avance de estudio dos materiais principais, están recollidos no correspondente informe preliminar inédito [Hidalgo Cuñarro 1992]. Sucintos resumes aparecen publicados pouco despois [Hidalgo Cuñarro 1990-91, 196-197; 1993, 229-232], así como tamén un estudio monográfico da meirande parte das moedas atopadas [Cavada Nieto 1995].

As investigacións recentes: campañas de excavación de 1993 e 1994

Por mor dos resultados positivos da prospección, iníciase en 1993 unha primeira campaña de excavación en área no xacemento (5 meses, de xullo a novembro) seguida dunha segunda campaña durante o ano 1994 (1 mes, de abril a maio). O proxecto de intervención é coordinado por J.M. Hidalgo Cuñarro e o traballo de campo é dirixido por P. Soto Arias.
Lóxicamente, a escavación foi executada sobre a zona onde as sondaxes resultaron positivas así como sobre o “sector Mirambell” onde xa había estructuras á vista. O volume da intervención foi considerable, tanto en tempo investido (5 meses) como en medios materiais e humanos aportados, dando lugar a unha exhumación duns 844 m² que descubríu e puxo á vista a meirande parte das estructuras constructivas do xacemento.
Os resultados da exhumación determinan que a villa está formada por dous edificios rectangulares diferenciados –o edificio 1 ou “sector Mirambell” de orientación N-S e o edificio 2 ou edificación principal en sentido E-O–, ambos unidos perpendicularmente o que determina unha nunha planta xeral en L para o conxunto da villa. O primeiro é interpretado, sen grandes seguridades, como correspondente á villa rustica (parte productiva da casa de campo) e o segundo como a villa urbana (sector residencial da vivenda).
Nas inmediacións tamén se detectaron estructuras pertencentes a construccións menores ou secundarias. Ún foi parcialmente escavado ó norte do edificio 1 e consiste nun aliñamento de pedras que describen un esquinal en ángulo recto, de extraña orientación (NO-SE e SO-NE) e ignorada funcionalidade. Outro é un potente derrumbe próximo á esquina SO do edificio principal, indicativo dalgunha construcción inmediata que non chegou a ser detectada nin escavada.
A edificación principal é de planta rectangular alongada (41 x 13,5 mts. = 554 m²), morfoloxía moi característica do modelo nórdico de villa, organizada a partir dun corredor lonxitudinal (denominado P) e compartimentada en 9 estancias (chamadas H, I, J, K, L, M, N, O e Q).
O corredor ocupa lonxitudinalmente a metade oriental da fachada norte (22,7 x 3,2 mts.), cun ensanchamento no extremo occidental onde chega a acadar os 5,8 mts. A outra metade da fachada norte carece de corredor propiamente dito pero probablemente sí que contou cun aleiro tellado que protexese os vanos de entrada ás estancias do sector.
Sobre o lado sur do corredor se abren en batería alomenos 4 estancias (M, O, N e Q) de ignorada extensión e funcionalidade dado o seu arrasamento e que a excavación foi moi parcial neste sector. As estancias M e N amosan sendas soleiras de acceso ó corredor e na primeira descubríuse unha extraña lareira exenta, aparentemente sen pegadas de uso. En conxunto foron interpretadas como cubicula (dormitorios), plantexándose tamén que a estancia O, máis estreita que as outras, tivese funcionado como a entrada principal ó edificio.
O corredor serve asemade de comunicación coa metade occidental da casa, moito mellor conservada e mais monumental así como tamén moito máis escavada, prácticamente na súa totalidade. Consta de 5 estancias: H, I , J, K e L.
A estancia L, rectangular, é a de meirande tamaño de todo o edificio (9,3 x 5,9 mts. =55 m²), interpretada como unha sala nobre, probablemente o triclicium (comedor). Ten acceso directo desde o corredor, marcado por unha grande soleira, malia que orixinariamente tamén contaba cun vano con soleira aberto cara ó norte, posteriormente cegado.
A estancia K, tamén rectangular, é paralela e contigua á anterior, de idéntica lonxitude pero menor anchura (9,3 x 4 mts. = 37,2 m²) dado que a fachada sur do edificio se retranquea aquí cara dentro. Toda a estancia está dotada de calefacción por hipocausto, coa cámara de calor subxacente internamente compartimentada en tres espacios rectangulares (K1, K2 e K3) comunicados por un eixo central de vanos de paso de calor. O hipocausto é clásico, con solo (area) de tégulas volteadas e columniñas (pilae) de ladrillos bessales, a excepción de K3, onde as pilae son pétreas ou mixtas, de pésima calidade constructiva, non asentan nunha area horizontal ben definida e non amosan, en suma, a suficiente capacidade de sustentación do pavimento superior (suspensura). As subcámaras K1 e K3 presentan ademais, polo lado sur, un pequeno compartimento rectangular con vano de comunicación cara ó hipocausto (o de K3 claramente amortizado polas deficientes pilae pétreas), para o que non se atopa unha explicación satisfactoria. No derrube aparecen restos da suspensura e, especialmente, de pavimento musivario, case todo concentrado na cámara K3. A nivel interpretativo e funcional, se considera que, a partir da suspensura, a estancia sería unha peza única, parcialmente pavimentada de mosaico e lóxicamente dotada de calefacción en seco, posiblemente un salón de prestixio (oecus) que formaría un conxunto coa sala L paralela (o triclinium). Non se aclara, sen embargo, por onde sería o seu acceso, suxeríndose que houbese un vano de intercomunicación entre ambas salas nobres.
As estancias H, I e J son espacios funcionais con acceso directo desde o exterior marcado por soleiras e/ou baseamentos de xambas. A estancia J, de considerable tamaño e forma case cuadrangular (7 x 6,4 mts. = 45 m²) é o espacio que sirve para albergar o forno de aquecemento (praefurnium), almacén de combustible e probablemente tamén algún tipo de taller artesanal (¿forxa?).
A estancia H, pequena e rectangular (2,7 x 5,9 mts. = 16 m²) é unha cociña (culina), ben caracterizada pola presencia de dúas lareiras encostadas ó muro –unha cuadrangular de ladrillos e outra térrea–, pegadas de uso e abondoso expólio arqueolóxico. É posible que a cociña tivese unha comunicación interna directa coa veciña sala do forno, difícilmente verificable dada a destrucción do muro medianeiro.
A estancia I, algo mais grande (3,8 x 5,9 mts. = 22,4 m²) e adxacente á anterior, foi interpretada como unha despensa (cella penaria) dada a grande cantidade de cerámica de almacenamento atopada. O seu muro sur presenta un vano adintelado semisubterráneo, posteriormente cegado; probablemente se trate da bocana de un forno de aquecemento (praefurnium) para un pretendido hipocausto nesta sala que nunha chegou a construirse, sendo abandonado o proxecto xa desde a propia fase de construcción do edificio.
Outra parte da intervención foi destinada á limpeza, desentullo e reescavación do edificio 1, tamén denominado “sector Mirambell” por ser esta a zona exhumada polos propietarios da finca na primeira metade de século. Redescubríuse así un edificio rectangular (16,5 x 20 mts. = 330 m²), parcialmente intrusivo no corredor do edificio principal e internamente compartimentado en 7 recintos rectangulares (A, B, C, D, E, F e G) de variadas dimensións. A reexcavación atinxíu case todo o interior do edificio, incluíndo dúas valas parciais polos exteriores leste e oeste, ficando únicamente sen reescavar o grande recinto cuadrangular da estancia E xunto con outros pequenos espacios ocupados por grandes eucaliptos (interior da estancia F e exterior leste da estancia G).
A reescavación do edificio 1 produxo en realidade máis preguntas que respostas, sobre todo no que respecta ó nivel de “autenticidade” das estructuras murarias. Tódolos muros están claramente recrecidos en época moi recente, seguramente durante as exhumacións dos Mirambell na primeira metade de século e posteriores traballos de limpeza e axardinamento ata inícios dos 90. Independentemente deste recrecemento xeral, o estudio de paramentos e estratigrafías determina tres posibles categorías murarias: muros falsos, dubidosos e orixinais.
Os muros falsos, atribuidos á intervención dos Mirambell, son erradas recreacións contemporáneas que non corresponden a calquera estructura antiga: nunca asentan sobre a rocha base (case sempre sobre area a niveis superficiais), son de moi mala calidade (sempre sen argamasa e moitas veces só con un único paramento) e case todos son perimetrais, a xeito de muretes de contención da zona exhumada. Os dubidosos, tamén de mala calidade, asentan sobre o solo de ocupación mediante zócalo. Os orixinais, por último, tamén asentan sobre o solo de ocupación e presentan bós paramentos de mampostería tomada con cuñas e argamasa.
Amáis deste problema de auntenticidade de muros, por todo o interior do edificio 1, incluso polas bandas exteriores da edificación, se documenta un único pavimento ou solo térreo de ocupación, ben nivelado e compactado, que se extende indefectiblemente por todo o sector. Pasa por debaixo de tódolos muros, incluso os calificados de orixinais, que asentan sobre o pavimento e non sobre a rocha subxacente. Da a impresión de que en orixe foi preparada unha plataforma única, aberta e ampla, a xeito de patio de traballo, que posteriormente foi cercada ou compartimentada en determinadas áreas. Se esta plataforma externa é coetánea ó edificio principal da villa, resultaría probable que os muros calificados de orixinais e dubidosos pertencesen a unha remodelación tardía ou incluso unha etapa posterior.
Todas estas consideracións son un breve resume da memoria inédita da escavación [Soto Arias 1995], que amplía e unifica as informacións contidas nos informes de valoración de cadansúa campaña [Soto e Hidalgo 1993; Hidalgo e Soto 1994]. A memoria vai acompañada do inventario e táboas de distribución de materiais, así como dalgunha analítica científica da sedimentoloxía do xacemento ou dos restos macrofaunísticos atopados. Infelizmente, o estudio amplo e profundo dos múltiples materiais mobles aparecidos, esencialmente o universo cerámico, nunca chegou a ser rematado.
Tampouco se produxo a desexable presentación pública das conclusións obtidas da escavación. A penas unhas pequenas notas informativas dos resultados aparecen recollidas en artigos ou libros dedicados á arqueoloxía viguesa [Soto Arias 1994; Hidalgo e Viñas 1996; Hidalgo e Viñas 1998; Carballo, Luaces e Toscano 1998] ou ás villae galaicorromanas [Pérez Losada 1995]. Únicamente o estudio sedimentolóxico do xacemento e a análise de restos macrofaunísticos contan con publicacións monográficas mínimamente extensas [Martínez e Costa 1997; Fernández Rodríguez 2000].

Intervencións patrimoniais dos anos 90

Unha vez rematada a escavación, durante 1994 e 1995 procedéuse a diversos traballos de conservación preventiva no xacemento, promovidos polo Concello de Vigo e encomendados a unha empresa especializada (Tomos S.L.).
Os traballos consistiron na protección das estructuras arqueolóxicas e perfís estratigráficos mediante sacos terreiros, xeotextís e encofrados de madeira, posteriormente semienterrados baixo unha capa de area estéril. A protección foi complementada coa instalación provisional de drenaxes (ata a data era común a inundación parcial do xacemento en épocas de chuvia abundante) que encamiñan as augas cara a un sumidoiro dotado de bomba de achique automática, amáis de pechar toda a área escavada cun valado perimetral. O reenterramento afecta a todo o edificio principal da villa, especialmente ós sectores máis febles e delicados como pode se-lo hipocausto; as estructuras do “sector Mirambell” ficaron á vista, abranguidas non obstante polo peche perimetral.
Estas obras de conservación preventiva, coas oportunas intervencións eventuais de mantemento e/ou reparación, mantivéronse ata 2002 (nada menos que 8 anos), preservando razonablemente ben o xacemento a pesar de que a intervención foi deseñada como provisional a curto ou medio prazo.
Consciente da importante dimensión patrimonial do xacemento, o Concello de Vigo encomendóu a un coñecido gabinete vigués de arquitectura a redacción dun proxecto arquitectónico preliminar sobre a Finca Mirambell, integrado nun marco máis amplo de urbanización e ordenación territorial de toda a beira litoral meridional do concello vigués. O proxecto, presentado a finais de 1995, contemplaba a delimitación e peche das ruínas arqueolóxicas, a construcción dun Centro de Interpretación a carón das mesmas e máis a edificación dunha Cafetería no solar da antiga casa Vilamar, todo elo integrado nunha remodelación paisaxística (paseos e camiños, mobiliario urbano, axardinamento, etc.) integral do conxunto da finca.
Paralelamente, tamén encargóu a unha empresa especializada en patrimonio arqueolóxico (Tomos S.L.) a elaboración dun proxecto de musealización e xestión do xacemento que foi finalmente presentado en 1997 [Tomos 1997]. Este proxecto contemplaba un plan director de actuacións a seguir –eliminación de elementos distorsionantes, escavación arqueolóxica, conservación e musealización das ruínas, programa museográfico do Centro de Interpretación, xestión de público– acompañado do correspondente executivo con orzamento e prazos; recomendaba, asemade, que existise unha coordinación/dirección xeral, única e centralizada, para o desenvolvemento do mesmo.
Infelizmente, por diversas circunstancias que non veñen ó caso, ningún dos dous proxectos –o arquitectónico e o de musealización– chegaron a executarse nos anos seguintes. Non obstante, é de suliñar que ambos son extremamente útiles e moi aproveitables como primeira aproximación para unha futura musealización de Toralla. Calquera novo proxecto non partirá de cero, tendo polo contrario moito camiño andado xa desde un principio.

 

proxecto-toralla@uvigo.es